Friday 03 de May de 2024

O PSOE inicia os trámites para nomear fillo adoptivo da cidade de Santiago de Compostela a Don José Porto


O portavoz dos socialistas destacou a súa implicación coa cidade e, sobre todo, coa parroquia de Sar a nivel cultural, educativo e deportivo: “fixo de mediador entre administracións para reformar a colexiata de Sar e construír un colexio público, impulsou a iniciativa veciñal para conseguir un campo de fútbol para a veciñanza e foi o fundador da Agrupación Folclórica” recalcou Muíños que insistiu en que este nomeamento é “o xusto recoñecemento a unha vida dedicada aos demais”.

Logo de 50 anos á fronte da parroquia de Sar, Don José Porto Buceta converteuse nun dos veciños máis queridos de Santiago. Proba disto é a homenaxe cidadá que, este sábado, terá lugar na Colexiata para conmemorar as cinco décadas de leva á fronte da parroquia. Desde o Grupo Municipal Socialista dan un paso máis e propoñen o seu nomeamento como fillo adoptivo da cidade de Santiago de Compostela.

O seu portavoz, Gonzalo Muíños, quixo poñer en valor o “gran legado” de Don José para a parroquia de Sar, converténdose “nunha institución gracias ao seu traballo en defensa do barrio e a súa calidade humana”. Muíños recalca entre os seus méritos a creación da Agrupación Folclórica e o seu traballo como “admirable mediador” coas distintas administracións para conseguir a reforma da Colexiata ou que se construíra un colexio público no barrio.

Tamén o seu papel de “dinamizador social e precursor de iniciativas veciñais” é digno de mérito para o edil socialista, que pon en valor o seu traballo “para conseguir os terreos que actualmente ocupan o campo de fútbol do barrio”. Insiste así en que a “súa dimensión humana e o seu compromiso con Sar está fora de dúbidas” ao igual “que o mérito para ser nomeado fillo adoptivo da cidade pola que leva traballado os últimos 50 anos”.

Ademais de solicitar a tramitación desta condecoración, os socialistas esixen que o Consello de Títulos, Honras e Condecoracións se convoque na “maior brevidade posible” para que nun pleno extraordinario se faga efectivo este nomeamento, tal e como recolle o regulamento.